martes, 28 de abril de 2026

Aprendendo doutros sistemas: a miña experiencia Erasmus+ en Países Baixos

Este mes tiven a oportunidade de participar nunha mobilidade Erasmus+ de job shadowing en Zwolle (Países Baixos), a través da Deputación de Pontevedra. Durante unha semana estiven no Deltion College, un centro de Formación Profesional de referencia, coñecendo de primeira man como funciona o seu sistema educativo.

O job shadowing consistiu en observar clases, reunirme con orientadores e profesorado, e analizar como acompañan ao alumnado ao longo do seu itinerario formativo. Un dos aspectos que máis me chamou a atención foi a importancia que lle dan á orientación: está presente en todo o proceso educativo e moi conectada co mundo laboral.


Tamén me sorprendeu o sistema educativo neerlandés, no que o alumnado é orientado xa aos 12 anos cara distintos itinerarios. Ademais, existe unha especie de “semiobrigatoriedade” de continuar formándose ata os 18 anos, asegurando unha cualificación mínima.

Sen dúbida, outro dos puntos máis destacables foi o nivel de recursos dos centros: instalacións modernas, moita inversión e estruturas de apoio moi completas (orientación, apoio emocional, coaching…). Isto crea un ambiente moi favorable para a aprendizaxe.




Quédome tamén cunha das experiencias máis enriquecedoras: visitar aulas de niveis básicos, con alumnado de diferentes países, onde se traballan non só contidos académicos, senón tamén valores, comportamento e habilidades para a vida.

En definitiva, unha experiencia moi enriquecedora que me permitiu coñecer outro sistema educativo, reflexionar sobre o noso e traer novas ideas para aplicar na aula.







No hay comentarios: